Friday 26 de April de 2024

Mounqup e Saya DJ conquistaron ao público de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 coas súas actuacións dentro do ciclo Novas Músicas en Galego


Ritmos do mundo e efectos sonoros e e de luz centraron unha completa velada no recinto de Monte do Gozo

Mounqup e Saya DJ conquistaron onte ao público asistente á velada de Novas Músicas en Galego. Este ciclo, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofreceu onte no festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 a primeira das súas propostas.

O público que se achegou ao recinto de Monte do Gozo gozou dunha noite de músicas do mundo e efectos de luz e son. Unha mestura que fixo desta unha velada inesquecible.

A primeira en saltar o escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 foi Saya DJ, que achegou ás numerosas persoas asistentes unha fusión de diferentes músicas cos ritmos máis actuais. Xéneros como afrobeats, afropop, afrohouse e afrotrap, dabke árabe, funk brasileño, reggaeton, kuduro, gqom ou amapiano centraron as dúas sesións da picadiscos no recinto do festival en Monte do Gozo.

A sensación chegou arredor das 22.30 horas co concerto de Mounqup. A súa enerxía e personalidade conquistaron ás persoas asistentes que gozaron dunha actuación chea de forza e de efectos de luz e son. Precisamente estes últimos, tal e como explicou a propia artista, saen da inspiración que lle dá a súa contorna, na aldea de Saumede (Ourense), onde ten instaurada a súa residencia. Entre estes sons, salientaron, por exemplo, os da auga cando xoga coa súa filla ou os do lume cando termina en cinzas. Uns elementos que Camille Hedoin –alter ego de Mounqup- combina con loops e samplers, creando composicións que funcionan como un collage de texturas, formas e cores, aderezados polos vistosos movementos desta artista afincada na provincia ourensana.

Dende a organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 amosaron a súa satisfacción pola boa resposta obtida a estas actuacións. As Novas Músicas en Galego puxeron tamén o broche as propostas musicais ofrecidas polo festival durante os meses de xullo e agosto nas fins de semana.

Últimas actividades
Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 encara a súa recta final coa sesión de DJ Pabs que se desenvolve hoxe. O picadiscos ofrecerá a súa peculiar combinación de ritmos bailables entre as 19.00 e as 22.00 horas.
Os vindeiros martes e xoves haberá dúas novas xornadas do programa de Catividades. As crianzas poderán gozar de dúas tardes cheas de propostas da man de La Gramola Animación. Xa para a fin de semana, agárdanse dúas novas sorpresas que farán as veces de fin de festa, tras dous intensos meses de actividades para todos os públicos e gustos.

Toda a información actualizada pódese atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). O festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia.

Sobre Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22
Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 é un festival que pretende facer de Monte do Gozo o lugar onde gozar dunha alternativa de lecer estival. Sesións DJ, música en directo e actividades infantís centran a programación que se estenderá ata o 12 de setembro.

A posta en valor das bandas e artistas de Galicia e as novas promesas do panorama musical da comunidade é unha das grandes apostas deste festival.